Peche do curso de froiticulura en Monfero

O pasado 23 de setembro chegou ao seu fin o curso de Froiticultura que desenvolvimos ao longo do ano na parroquia de Taboada, en Monfero. Un total de 18 persoas asistiron ás clases impartidas por Alberto Varela, da AGFA do Eume, quen ao longo do ano explicounos como debemos manexar os diferentes aspectos do cultivo das árbores froiteiras, desde as parras de kiwis e uvas, ata os diferentes métodos de conservación e transformación dos froitos obtidos na tempada.

Foron moitas as temáticas tratadas; a plantación, a estimulación da floración, a poda de inverno e de verán, os enxertos de diversos tipos según as variedades de árbores e a tempada na que se fagan, as pragas e enfermidades e os posibles métodos para tratalas,… Incluso, durante o verán, realizouse unha excursión para coñecer o arboreto de especies autóctonas creado pola AGFA do Eume en colaboración co Concello de San Sadurniño.

A valoración do curso foi moi positiva, tanto que xase está a traballar na procura de fondos para dar continuidade ao mesmo durante o ano 2023, coa solicitude, por parte das participantes, de comezar un pouco antes, para poder traballar máis os aspectos da poda de inverno

Este curso, enmarcado dentro do programa de Dinamización Comunitaria da Asociación Euroeume, desenvolvese grazas ao apoio da Consellería de Política Social desde a convovaroria de axudas para fins sociais financiados ao abeiro dos fondos do 0,7% do IRPF.

A continuación deixámosvos o enlace ao video realizado durante o curso, no que podedes ver moitas das cousas que fixemos ao longo do ano.

https://www.youtube.com/watch?v=1OYgzu4t2XM