Xornadas “Enraizadas 2025”: Ecofeminismo e Custodia do Territorio

A asociación EuroEume promove as Xornada Enraizadas 2025, que bota a andar este venres en Pontedeume, coa mesa redonda  “Sementes do Salitre: Mulleres e Custodia do Mar”, unha palestra centrada no coidado da costa e do mar cunha ollada de xénero.

 

A xornada celebrarase o venres, 23 de maio, no Centro Municipal de Maiores de Pontedeume, a partires das 17.30 horas e contará coa participación de catro mulleres, todas elas vencelladas ao sector pesqueiro, que explicarán a súa visión desta temática desde diferentes perspectivas: tanto desde a parte práctica como desde a parte académica e de investigación. A asistencia á xornada é de balde e non precisa inscrición previa.

 

A ponentes na mesa redonda serán: María Vales  Martínez; Mariscadora que forma parte da xunta directiva da Asociación Mulleres Salgadas, unha entidade pioneira que agrupa a 70 entidades e mulleres do sector pesqueiro. Mª Josefa Crespo Fraga: Mariscadora retirada e ex-patroa maior da Cofradía de Miño. Maite Fernández Núñez: Bióloga e investigadora que traballa coa Cofradía de Miño. E a Dra. María de los Ángeles Piñeiro Antelo, profesora do departamento de Xeografía da USC e investigadora en temáticas relacionadas co traballo das mulleres nas actividades vinculadas á economía pesqueira en Galicia.

 

No mes de setembro celebrarase unha segunda xornada deste programa. Nesta ocasión o escenario será o Concello de As Pontes, e a temática escollida será a Custodia do Territorio no monte e no sector agrario.

 

“Enraizadas”, é un proxecto de Euroeume que botou a andar no ano 2021, e que nesta edición pretende continuar coa promoción da agroecoloxía, a soberanía alimentaria e o desenvolvemento rural sostible, dende unha perspectiva ecofeminista, con especial interese en visibilizar o papel das mulleres na temática central do ano 2025, que é a Custodia do Territorio.

 

Este programa desenvólvese grazas ás axudas do programa para o mantemento de programas en políticas de xénero para o ano 2025 da Deputación da Coruña.