II Xornada “Enraizadas 2025”: Ecofeminismo e Custodia do Territorio en As Pontes

A asociación EuroEume promove as Xornada Enraizadas 2025, coa celebración da Xornada “Ecofeminismo e Custodia do Monte”, un faladoiro centrado no coidado dos nosos montes e paisaxes cunha ollada de xénero. 

 

A xornada celebrarase o sábado, 20 de setembro, na Casa da Cultura do concello de As Pontes, a partires das 11.00 horas, e contará coa participación de catro mulleres que explicarán a súa visión desta temática desde diferentes perspectivas: tanto desde a parte práctica como desde a parte académica e de investigación. A asistencia á xornada é de balde e non precisa inscrición previa.

 

A relatoras no faladoiro serán: Ana Cabana Iglesia; profesora titular de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela. Membro do grupo de investigación «Histagra», especialízase na historia rural e agraria galega do século XX.  Mª Ofelia Gruñeiro Balseiro; Gandeira e expresidenta da Mancomunidade de Montes de Santa María Maior de Mondoñedo. María Bella Piñeiro; Investigadora e produtora cultural da Cooperativa Azul mais Verde, cunha ampla experiencia no traballo con comunidades de montes na zona da Costa da Morte. E Luisa Montero Pazos; Secretaria da Asociación Betula, de Custodia do Bosque Atlántico.

 

Ademais, para facilitar a conciliación as persoas con crianzas que desexen asistir á xornada, contaremos coa presenza de Xuvenlab, que realizará un obradoiro científico para as crianzas, centrado na importancia dos montes para a xestión sostible do territorio, e para coñecer o ciclo de vida das carrachas.

 

“Enraizadas”, é un proxecto de Euroeume que botou a andar no ano 2021, e que nesta edición pretende continuar coa promoción da agroecoloxía, a soberanía alimentaria e o desenvolvemento rural sostible, dende unha perspectiva ecofeminista, con especial interese en visibilizar o papel das mulleres na temática central do ano 2025, que é a Custodia do Territorio.

 

Este programa desenvólvese grazas ás axudas do programa para o mantemento de programas en políticas de xénero para o ano 2025 da Deputación da Coruña.