XA ESTÁ AQUÍ “ENRAIZADAS 2024”
Presentamos o programa de “Enraizadas 2024”, un proxecto que botamos a andar no ano 2021, e que nesta edición pretende continuar coa promoción da agroecoloxía, a soberanía alimentaria e o desenvolvemento rural sostible, dende unha perspectiva ecofeminista, con especial interese en visibilizar o papel das mulleres. Neste ano a pretensión é indagar que aportes se poden facer dende estas perspectivas en torno aos coidados, entendidos dende o común, dende a comunidade.
O día 19 de novembro, ás 18.30 horas, na Casa da Cultura de Pontedeume, teremos o obradoiro “Ten_Cuidado”. Unha actividade orientada a asociacións, colectivos e redes, no que o Colectivo Larre nos ensinará a utilizar a súa “Caja de Herramientas de Te(n) cuidado”. A finalidade da actividade coñecer esta ferramente para poder adoptar e adaptar estas prácticas de coidados nas nosas asociacións, colectivos e outras formas de comunidades. As prazas para este obradoiro son limitadas, polo que é necesaria a inscrición previa no correo electrónico euroeume@euroeume.org
Entre 2020 e 2023, Lara García Díaz, Priscila Clementti e Ángela Palacios traballan, como Colectivo Larre, nun proxecto para levar a cabo actividades e espazos de colaboración nos que, desde unha perspectiva feminista, explorar realidades normalmente invisibilizadas ou mergulladas e cuestionar teorías e prácticas na sociedade actual. A través de tres grupos de investigación e traballo e diversas accións, sitúan no centro un debate ao redor de experiencias e inquedanzas sobre a cuestión dos coidados que atravesan as nosas prácticas colectivas, redes de apoio e/ou o funcionamento de organizacions e institucións.
Como resultado do proxecto xeran a “Caja de Herramientas de Te(n) cuidado”, na que se recollen 10 ferramentas para a articulación colectiva. A súa a finalidade é a de compartir e propiciar a súa posta en práctica, para poder usalas, replicalas, reinterpretalas e/ou hackearlas segundo necesidades e conveniencias.
O día 22 de novembro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura de Pontedeume, realizaremos a presentación da exposición do proxecto, que da continuidade á realizada no ano 2023. Esta exposición, que nace con espírito itinerante, estará a disposición de administracións, entidades, centros educativos, para poder colocala nas súas instalacións, en eventos,…
A partires das 19.00 horas teremos unha mesa redonda, conformada por unha investigadora e docente cunha importante traxectoria no eido da agroecoloxía dende unha perspectiva de xénero, e dúas mulleres aterradas na práctica, traballando no sector primario e vencelladas a organizacións agrarias que promoven a agroecoloxía e a soberanía alimentaria.
Esta palestra, moderada por Bibiana Martinez Álvarez, contará coa participación de Marta Soler Montiel, investigadora e docente da Universidade de Sevilla; Coqué Saavedra Carballido, educadora Agroecolóxica e labrega, e María Ferreiro Santos, da Secretaría da Muller do Sindicato Labrego Galego.
Ademais destas actividades o proxecto tamén contempla a realización, por terceiro ano consecutivo, do Programa Educativo Enraizadas, que permitirá traballar arredor destas temáticas no contexto educativo da comarca, coa finalidade de por en valor o papel das mulleres no sector primario e o rural, pero tamén como novidade deste ano, a labor investigadora e docente de mulleres que desenvolven o seu traballo dende estas perspectivas.
Este programa desenvólvese grazas ao Programa de axudas para o mantemento de Programas de políticas de Igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e loita contra a violencia de xénero no ano 2024 da @depucoruna