Volve Enraizadas!
Enraizadas nace coa necesidade de visibilizar e poñer en valor as estratexias de sostemento da vida que se levan a cabo no rural e, máis concretamente, o papel das mulleres neste proceso.
Enraizadas pretende contribuir á creación dun marco teórico, así como, artellar redes que permitan poñer en contacto a persoas interesadas en temas centrais para o ecofeminismo baixo as que se artella o traballo de Euroeume como son a soberanía alimentaria, a custodia do territorio, e os coidados e comunidade.
A temática escollida para o ano 2023 será a Soberanía Alimentaria, para o que se desenvolverán distintas accións:
- O Programa Educativo Enraizadas, para espallar estes valores no contexto educativo coa finalidade de por en valor o papel das mulleres no sector primario e o rural.
- O premio “áccesit” para os premios Ferro Caaveiro, coa finalidade de fomentar a investigación e presenza do texto escrito sobre a contribución histórica das mulleres neste ámbito territorial, históricamente excluídas do relato histórico e da memoria oficial.
- Exposición fotográfica: “Enraizadas – Soberanía Alimentaria”, con fotografía dos traballos realizados polas mulleres vencellados á soberanía alimentaria. A exposición fotográfica conta coa colaboración dos fondos do Arquivo da Biblioteca Pública Municipal de Pontedeume “Poeta Ramiro Fonte”, o arquivo de Antonio M. Leira Noche, o arquivo da Agrupación Instructiva de Caamouco, o Fondo Documental do Eume, o Arquivo do Reino de Galicia, o Arquivo da Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado e o Arquivo do Museo Etnográfico da Capela.
O próximo domingo 15 de Outubro, as 10:30h. o Día Internacional das Mulleres Rurais, realizarase a inauguración da exposición no Mercado Municipal do Concello de Pontedeume.
Ademáis ás 11:00h, terá lugar un obradoiro con plantas silvestres a cargo de Coqué, nos que se realizará unha elaboración culinaria, outra medicinal e unha conserva. A entrada será de balde e non precisa inscripción previa.
Ao longo da maña, estará tamén habilitado un espazo para o intercambio de semente autóctona, dinamizado pola Rede Galega de Sementes.
Este proxecto conta co financiamento da Deputación da Coruña