Territorio de Actuación

[wpgmza id="1"]

O ámbito de actuación de Euroeume céntrase nos cinco concellos que forman a comarca do Eume: A Capela, Cabanas, Monfero, Pontedeume e As Pontes, ampliándose aos concellos das comarcas limítrofes para determinados proxectos.

A comarca do Eume ten unha superficie de 538,7 km2 e unha poboación de 24.834 habitantes, repartidos entre 682 entidades singulares de poboación, cunha densidade de poboación de 46 habitantes por kilómetro cadrado, concentrada principalmente nos núcleos urbanos de Pontedeume e As Pontes.

Dentro da comarca hai tres zonas protexidas:

O Parque Natural das “Fragas do Eume”; que se estende por un abrupto val de profundas gargantas, trátase do bosque atlántico costeiro mellor conservado de Europa e un dos escasísimos bosques do seu tipo no continente. Abarca 9.125 hectáreas, repartidas entre os concellos da Capela, As Pontes, Cabanas, Monfero, e Pontedeume

A Z.E.C. “Xubia-Castro”, vinculada á conca do río Grande de Xubia, que desemboca na ría de Ferrol e que na comarca do Eume comprende terreos dos concellos da Capela e  As Pontes. Esta zona protexida abarca dous espazos diferentes: dunha parte os tramos do río Grande de Xubia e do seu afluente principal, o río Castro; e por outra, a Serra do Forgoselo, un mazizo granítico situado a uns 500 metros de altitude, cuxa orografía e as abundantes choivas favoreceron a formación de áreas húmidas cunha vexetación e fauna asociadas de alto interese ambiental.

A Z.E.C. “Ortigueira-Mera”, artellada ao redor do río Mera, que nace nos altos da Serra da Faladoira, no Concello de As Pontes, e desemboca na ría de Ortigueira, formando unha das maiores marismas de Galicia.