Resolución das axudas de Igualdade da Deputación da Coruña

Ao longo destas dúas semanas tivemos a confirmación definitiva da resolución das axudas de Igualdade da Deputación da Coruña. Este ano en Euroeume presentáronse proxectos as dúas  liñas habilitadas pola Deputación para o ano 2023: Unha de investimentos, para a adquisición de equipamentos para o desenvolvemento dos puntos Violeta e Arcoiris da asociación, e a de actividades, que se centra na dotación económica para o desenvolvemento do programa Enraizadas.

Nas axudas de investimento, a resolución definitiva publicouse o pasado 9 de xuño, a axuda concedida ascende a 3.910 €, que significa unha  subvención do 80% para un investimento total de 4.888 €. Os investimentos a realizar serán a adquisición dunha carpa e o mobiliario necesario para poder instalar os Puntos Violeta e Arcoiris en diferentes eventos e poder atender a xente resgardadas das inclemencias do tempo. Tamén se contempla a adquisición dunha máquina para facer chapas personalizadas para as distintas ocasións nas que instalemos os Puntos ou fagamos actividades con centros escolares ou con outras asociacións. O investimento completarase coa adquisición dun equipo informático portatil (ordenador, altofalate e proxector), que nos permitirá levar diferentes materiais dixitais a todos estes eventos relacionados coa igualdade, así como para usalos noutras actividades da asociación.

Por outra banda, nas axudas para a realización de actividades de programas de políticas de xénero do ano 2023, publicadas o luns desta semana, a axuda concedida ascende a 10.059 €, que significa unha  subvención do 80% para un investimento total de 12.574 €. Este programa centrarase en desenvolver o Proxecto Enraizadas 2023, un proxecto pensado para visibilizar o traballo das mulleres no entorno do sector primario. O proxecto, co que xa comezamos a traballar a primeiros do mes de marzo, continuará o traballo das liñas definidas na edición do ano 2022, partindo de temas centrais para o ecofeminismo, e baixo as que se artella o traballo de Euroeume: a Soberanía Alimentaria; a Custodia do Territorio; e os Coidados e a Comunidade.

Nesta anualidade o traballo centrarase na temática da Soberanía Alimentaria e as actuacións a desenvolver agrúpanse en 3 liñas:

  • Programa Educativo Enraizadas, co que se vai dar continuidade á intervención iniciada no ano 2022 en 4 centros educativos da comarca. Nesta anualidade realizaranse obradoiros cos cursos de 5º e 6º de primaria  de 4 centros educativos. Estes obradoiros terán 3 sesións coas que queremos contribuir á visibilización, posta en valor e recoñecemento do papel das mulleres no sector primario e o rural, traballando de forma transversal valores como a igualdade, a creatividade e a sustentabilidade.
  • Esposición Enraizadas Soberanía Alimentaria. Estamos a recompilar fotografías de diferentes arquivos fotográficos do territorio e de Galicia para mostrar os traballos realizados polas mulleres vencellados á soberanía alimentaria. Esta selección agruparase posteriormente para construir un relato a traspasar nun material expositivo que poda constituir un recurso que axude a construir un marco teórico de intervención e tamén como recoñecemeno da historia e posta en valor do traballo feminino. A exposición, que agardamos poder ter lista ao final do verán, estará a disposición de concellos e entidades para expoñer en diferentes lugares. A presentación da mesma está prevista para o 15 de outubro, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller Rural.
  • Finalmente, en colaboración coa Asociación Museo Etnográfico da Capela, convocase un premio accesit dentro dos Premios Ferro Caaveiro, para os artigos de investigación que se presenten baixo a temática de muller e soberanía alimentaria. A finalidade deste premio é fomentar a investigación e presenza de texto escrito sobre a contribución histórica das mulleres ao patrimonio da nosa comarca, contribuindo ao coñecemento e difusión da historia das mulleres neste territorio. O artigo premiado recibirá unha cantidade en metálico e publicarase na revista “O Retorno”, editada polo Museo Etnográfico e financiada pola Deputación da Coruña.