Resolución das axudas de Igualdade da Deputación da Coruña para 2024

Ao longo destas dúas semanas tivemos a confirmación definitiva da resolución das axudas de Igualdade da Deputación da Coruña. Este ano en Euroeume presentamos un proxecto de continuidade á liña de Igualdade habilitada pola Deputación para o ano 2024:, enfocada ao desenvolvemento do programa Enraizadas.

Nesta liña de axuda para a realización de actividades de programas de políticas de xénero do ano 2024, cuxa resolución definitiva publicouse este venres, a axuda concedida ascende a 15.462 €, que significa unha  subvención do 80% para un investimento total de 19.327 €. Este programa centrarase en desenvolver o Proxecto Enraizadas 2024, un proxecto pensado para visibilizar o traballo das mulleres no entorno do sector primario, e traballar aspectos relacionados con coidados e comunidade dende unha perspectiva ecofeminista. O proxecto, no que xa comezamos a traballar desde primeiros do ano, continuará o traballo das liñas definidas nas edicións anteriores, partindo de temáticas centrais para o ecofeminismo, e baixo as que se artella o traballo de Euroeume: a Soberanía Alimentaria; a Custodia do Territorio; e os Coidados e a Comunidade.

Nesta anualidade o traballo centrarase na temática dos Coidados e a Comunidade e as actuacións a desenvolver agrúpanse en 3 liñas:

  • Programa Educativo Enraizadas, co que se vai dar continuidade á intervención iniciada no ano 2022 en 4 centros educativos da comarca. Nesta anualidade realizaranse obradoiros cos cursos de 5º e 6º de primaria  de 4 centros educativos. Estes obradoiros terán 3 sesións coas que queremos contribuir á visibilización, posta en valor e recoñecemento do papel das mulleres no sector primario e o rural, traballando de forma transversal valores como a igualdade, a creatividade e a sustentabilidade.
  • Exposición Enraizadas Agroecoloxía, Coidados e Comunidade. Estamos a recompilar fotografías de diferentes arquivos fotográficos do territorio e de Galicia para mostrar os traballos realizados polas mulleres vencellados á agroecoloxía, os coidados e a comunidade. Esta selección agruparase posteriormente para complementar o relato da exposición creada o ano anterior, e a traspasar nun material expositivo que poda constituir un recurso que axude a construir un marco teórico de intervención e tamén como recoñecemeno da historia e posta en valor do traballo feminino. A exposición, que agardamos poder ter lista ao final do verán, estará a disposición de concellos e entidades para expoñer en diferentes lugares. A presentación da mesma está prevista para o 15 de outubro, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller Rural.
  • Finalmente, en colaboración coa Asociación Museo Etnográfico da Capela, convocase un premio accesit dentro dos Premios Ferro Caaveiro, para os artigos de investigación que se presenten baixo a temática de muller e soberanía alimentaria. A finalidade deste premio é fomentar a investigación e presenza de texto escrito sobre a contribución histórica das mulleres ao patrimonio da nosa comarca, contribuindo ao coñecemento e difusión da historia das mulleres neste territorio. O artigo premiado recibirá unha cantidade en metálico e publicarase na revista “O Retorno”, editada polo Museo Etnográfico e financiada pola Deputación da Coruña.