Proxectos de compostaxe escolar
Durante o mes de novembro estivemos a traballar con varios centros da comarca do Eume nos proxectos de Compostaxe escolar, que están enmarcados dentro dos programas de sensibilización e educación ambiental da nosa asociación, que ten como obxectivo promover un modelo de desenvolvemento sustentable baseado nos ODS 2030 da ONU.
Cando chegou a pandemia estabamos a traballar con varios centros nos proxectos de creación de hortos escolares e composteiros vinculados a eses hortos e aos comedores. Dous cursos tiveron que pasar para tretomar este proxecto, e agora, con ilusión renovada, queremos apoiar aos centros da comarca contar ca nosa horta escolar.
No CIFP Fraga do Eume, en Pontedeume, fixemos unha charla co profesorado e os delegados dos ciclos de Hostalería, de cara á posta en marcha do composteiro instalado no centro. Os residuos orgánicos provintes das prácticas de cociña que se realizan no centro xa teñen un novo destino, no composteiro instalado na zona axardinada situada detrás das cociñas do centro.
No CEIP de Andrade, en Pontedeume, e no CIP Virxe da Cela, en Monfero, realizamos charlas con todos os cursos para explicar ao alumnado os conceptos básicos da xestión de residuos, especialmente centrada nas vantaxes e procesos da compostaxe, e presentarlles o proxecto de compostaxe e horto escolar que se vai poñer en práctica en ambos centros ao longo deste curso (e agardamos que tamén nos vindeiros).
Un cuarto centro, a Escola Unitaria de Ombre, en Pontedeume, tamén está a iniciar un proxecto de compostaxe escolar, e seguiremos a traballar para acadar a incorporación de máis centros escolares a este proxecto.