Pratos con Raíz
O pasado 5 de Xullo organizamos o encontro gastronómico intercultural “Pratos con Raíz”, en colaboración coa AVV As Campeiras, UPA Cáritas As Pontes e o Concello de As Pontes.
Case que 150 persoas pasáronse polo local social da AVV As Campeiras para coñecer un pouco máis sobre a cultura gastronómica dos países de orixe das persoas migrantes que viven en As Pontes. Puideron desfrutar de pratos de diferentes países como Marrocos, República Dominicana, Venezuela, Colombia, Cuba, Portugal, Brasil, Paquistán, Senegal e Galiza, doutras actividades e música en directo co grupo de gaitas Canavella.
Esta xornada foi unha oportunidade para coñecer, degustar e valorar as diferentes cociñas dos países de orixe das persoas migrantes, as súas tradicións culinarias e culturais, e ao mesmo tempo promover que estas persoas coñezan algunhas das claves da cultura galega. Outro dos obxectivos desta xornada foi romper barreiras, prexuízos e combater os discursos de odio cada vez máis presentes na sociedade nos últimos anos.
Gustaríanos agradecer a todas as persoas que participaron na actividade, especialmente ás mulleres que se animaron a ensinarnos un pouco máis das súas culturas a través da gastronomía e a toda a rapazada que nos axudou na organización da xornada a través do programa de voluntariado.



