PRATOS CON RAIZ 2026
A Asociación EuroEume organiza para este sábado 4 de xullo, de 11:30h a 14h, en colaboración coa Asociación Veciñal As Campeiras, Cáritas e o Concello de As Pontes, unha nova edición de Pratos con Raiz en As Pontes (A Coruña).
Esta viaxe gastrocultural terá lugar no local da A.VV As Campeiras, en As Pontes, onde todas as actividades recollidas no cartaz son de balde, así como o acceso ao recinto con posterior degustación. Só se cobrará o viño e a cervexa.
Nesta ocasión, contaremos coa presenza de 10 países diferentes para dar pé ao que será un encontro intercultural gastronómico e cultural que ten como obxectivo promover a diversidade das persoas habitantes na Comarca do Eume e incentivar, deste xeito, o intercambio e a importancia de tecer vínculos comunitarios.
A gastronomía, neste senso, funciona como eixo central do evento, onde a través da degustación de diferentes pratos e receitas, poderemos ser partícipes da identidade, das tradicións compartidas entre as diferentes xeracións, e da importancia de poñer en valor a multiculturalidade existente no territorio.
As comunidades residentes na Comarca do Eume que nos acompañan nesta xornada teñen a súa orixe nos seguintes países:
- Paquistán
- Paraguai
- Colombia
- Cuba
- Brasil
- Arxentina
- Portugal
- Venezuela
- Marrocos
- Galicia
Ademáis da degustación de pratos, haberá obradoiros de tatuaxes de henna, trenzas e de estampación de panos, e contaremos coa presenza do grupo de música “Os Tabernícolas”, que será o prato forte que amenice esta xornada cargada de significado.
Non podes faltar!!



