Pechamos o curso de Cestería en Monfero

Foron catro sesións longase moi produtivas, nas que un total de 10 persoas aprenderon os conceptos básicos para elaborar cestos con bimbio.

O profesor do curso, o artesán Martín Maceira expresou a súa satisfacción polo aplicado que foi todo o alumnado, xa que “cada quen foi capaz de facer máis de un cesto, e aprenderon técnicas para facer distintos tipos de cestos”, ao tempo que animou, “no caso de non poder dispoñer de fondos para realizar unha segunda edición do curso, a crear un grupo de xente que se achegue ao local da AVV de Taboada a quedar os fins de semana, ou cando eles queiran, e quedar para paxear e continuar coa aprendizaxe do mundo da cestería”.

A tal efecto o mestre repartiu entre o alumnado un montón de varas de bimbio para facer esquexes e recuperar a tradición de plantar bimbio nas zonas húmidas para poder ter material para os anos seguintes, algo que xa levaron a cabo vaias persoas da asociación, coa intención de repetir a actividade no ano 23, e de poder ter nas proximidades materia prima para paxear, sen ter que botar man das compras a empresas doutras áreas.

Este curso, encadrado no Programa de Dinamización Comunitaria da asociación Euroeume, levouse a cabo grazas á financiación da Consellería de Política Social, desde a convovaroria de axudas para fins sociais financiados ao abeiro dos fondos do 0,7% do IRPF.

Aquí deixamos un enlace ao video realizado ao longo do curso no que podedes ver como traballou o bimbio a xente de Monfero

Video do Curso Cestería en Monfero