Participamos na Limpeza Simultanea de Ríos
Por terceiro ano consecutivo Euroeume organiza a participación na Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos”. Este ano participarán máis de 60 entidades en Galicia (asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas, centros de ensino…), dos que moitas tamén participaron nas limpezas de anos pasados, como a Asociación Betula, asociada de Euroeume e que vai organizar a súa actividade no río Baa, en Cabanas.
A limpeza realizarase o 25 de setembro e mobilizará a numerosos voluntarios e voluntarias que se desprazarán aos ríos de 41 concellos para deixalos libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social.
Euroeume organiza esta actividade en colaboración co Concello de As Pontes e do Clube de Vela Fluvial de As Pontes, e a limpeza realizarase no tramo urbán do río Eume ao seu paso pola vila de As Pontes. O punto de encontro será o Parque do Eume, ás 10:00 e contamos con rematar a actividade en torno ás 13:00
As persoas voluntarias serán agasalladas cunhas camisolas co lema da limpeza.
Voluntariado Ambiental:
O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación. Animádevos a participar, a inscrición, necesaria por temas de cobertura do seguro de accidentes que temos suscrito, pódese facer enviando o nome completo e número de DNI a euroeume(@)euroeume.org