O proxecto “Enraizadas 2022” tamén chega ás escolas
O proxecto “Enraizadas” do ano 2022 tamén ten unha parte orientada ao traballo coa infancia, a través dos centros de ensino, cos obxectivos de visibilizar as achegas e proxectos das mulleres do sector primario das comarcas do Eume e Ortegal e de espallar os valores e reflexións do ecofeminismo, contribuíndo ao desenvolvemento rural, a soberanía alimentar e o consumo consciente.
Os obradoiros en centro de ensino dividíronse en dúas sesións de cen minutos cada unha, nas que afondar nos labores das mulleres do rural dende o coñecemento e o recoñecemento e dende o global ao local; rematando coa reivindicación das mulleres da entorna máis próxima a través dunha actividade artística. Entre cada sesión, as crianzas realizaron unha entrevista a unha muller que formara parte da súa vida, incidindo así neste proceso de coñecemento e recoñecemento na súa realidade máis próxima. Debido ao obxectivo de reivindicación das mulleres rurais e os labores de coidados e a idade das nenas e nenos participantes, enfocamos a dinámica a abrir a mirada sobre as valoracións e apropiarnos dos conceptos de superpoderes para poñer no foco no invisibilizado pero imprescindible do sistema reprodutivo.
Un total de 5 centros de ensino participaron nesta actividade: o CEIP de Andrade (Pontedeume), o CPI Virxe da CEla (Monfero), o CEIP Eladia Mariño (Cabanas), o CEIP Mosteiro de Caaveiro (A Capela) e o CEIP San Isidro (Neda).