EuroEume organiza as Conversas Enraizadas, un ciclo de faladoiros ecofeministas na comarca

A asociación de desenvolvemento rural EuroEume promove as Conversas Enraizadas, un ciclo de faladoiros ecofeministas financiado pola Deputación da Coruña que terán lugar en setembro e outubro. 

O programa Enraizadas arrancou no 2021 cunha campaña audiovisual, co obxectivo de divulgar proxectos do sector primario da comarca liderados por mulleres e sensibilizar a poboación da importancia de valores coma o consumo de proximidade ou o impacto no territorio. Neste outono dará continuidade esta liña de traballo con máis actividades. 

As Conversas Enraizadas son un ciclo de catro espazos de diálogo entre unha muller do sector primario da zona cun perfil investigador. Dinamizarase unha conversa entre as dúas, onde acheguen os seus coñecementos desde as teorías e as prácticas arredor de temas centrais para o ecoloxismo e o feminismo. 

O programa comenzará o 16 de setembro, no Mercado de Pontedeume, con Nanda Cuiña (Vacalouras S. Coop.) e Conchi Docampo (SLG). Esta é a sesión de presentación do proxecto e o ciclo de conversas. O tema central é a soberanía alimentar, e nela abordaremos temas como a preservación da biodiversidade, o consumo responsable, o km0, a necesidade de produtoras de proximidade e en ecolóxico, como se aborda este tema noutras latitudes,… Nanda é unha das socias da Cooperativa Vacalouras, que teñen un posto no Mercado de Pontedeume, onde comercializan diversos produtos, con especial protagonismo para as producións ecolóxicas e de proximidade. Conchi é enxeñeira e labrega, puxo en marcha unha explotación de horta ecolóxica en Vedra no 2014. Forma parte do Sindicato Labrego, desde onde traballa especificamente en temas de sobernaría alimentaria. 

A semana seguinte, celebrarase a segunda conversa, o día 23 de setembro, no Mosteiro de Monfero, con Cristina Pérez (Requeixo Restrebas) e Ana Cabana (USC) en Monfero. Esta sesión centrarase na temática da Custodia do Territorio, abordando aspectos como a fixación de poboación no rural – realidade e necesidades, a xestión comunal dos montes, o papel histórico das mulleres na preservación do medio, o valor dos proxectos produtivos para a vida no rural, etc. Proxectarase o vídeo de Cristina Pérez, que é veciña de Monfero e socia do proxecto Requeixo Restrebas. Lara Cabana é historiadora, emprendedora do proxecto Mulime, onde fai investigación histórica e documental para Comunidades de Montes Veciñais en Man Común. Foi membro do SLG e ten diversos traballos de xestión do monte desde unha mirada ecofeminista.

Xa no mes de outubro, o día 7,  no CEIP Eladia Mariño, en Cabanas.  Esta sesión centrarase no tema dos coidados como eixo central no pensamento ecofeminista. Engloba temas como o coidado da terra, a produción en ecolóxico, o coidado dos corpos e a conciliación, as redes de coidado, o apoio mutuo e a comunidade. Buscamos poñer un marco sobre a dimensión reprodutiva dentro da economía feminista, e promover a reflexión sobre todos os traballos invisibles para o sistema capitalista pero indispensables para o mantemento da vida. Interveñen Leticia Iglesias (Na horta da avoa María) e Mª Xosé Agra (USC e CCG). Mª Xosé é filósofa especialista en teoría crítica feminista, docente na USC. Entre outras obras, escribiu Ecología y Feminismo e Corpo de muller: discurso, poder, cultura.

O ciclo finalizará o 14 de outubro nas Pontes, na Casa Dopeso, coa presenza de Cynthia Arias (Bieiteiras) e un espazo participativo onde reflexionar en colectivo sobre como estas cuestións atravesan o noso día a día e que pasos dar para integrar estas aprendizaxes e valores nas vidas.  A esta sesión estarán convidadas todas as persoas que foron asistindo aos diversos espazos formativos previos. Nela, integraremos as conclusións das anteriores charlas e indagaremos que ten iso que ver coas nosas vidas, poñendo o foco no que estamos precisando para camiñar cara un horizonte onde esta perspectiva estea máis integrada.

A asistencia ás charlas é de balde e non precisa inscrición previa. Ao longo do mes de setembro EuroEume irá publicando novas sobre este tema nas súas redes sociais, incluíndo os emprazamentos onde se celebrarán e máis información sobre as relatoras. As persoas interesadas poden ampliar a información chamando ao teléfono 981 440668 ou a través do correo igualdade@euroeume.org, ou  

Ademais destes faladoiros, Enraizadas 2022 inclúe tamén a celebración de obradoiros en cinco centros de ensino na comarca. Están dirixidos a alumnado de 5º e 6º E.P., e neles traballarase a prol da visibilización e recoñecemento das achegas das mulleres rurais á sociedade. Celebraranse entre outubro e novembro en 5 centros escolares das comarcas do Eume e Ferrolterra.