ENRAIZADAS – Proxecto centros escolares

O proxecto de Enraizadas nos centros escolares forma parte do programa “Educación Social na escola” e enmárcase dentro da temática de Igualdade.

Enraizadas comezou no ano 2021 co sentido da visibilización das mulleres do sector primario da comarca e difusión dos valores do ecofeminismo.

O programa educativo, iniciado no 2022, centra a posta en valor do papel das mulleres no sector primario e o rural, contribuíndo á visibilidade e recoñecemento e poñendo ás mulleres que o sustentan como referentes. No curso 2023 – 2024 a temática principal foi a soberanía alimentaria, e, a través deste proxecto e cun traballo desenvolto dividido en tres sesións entre os meses de outubro a decembro: xeráronse espazos de sensibilización, formación e diálogo estimulantes; fomentouse o empoderamento das nenas; reflexionouse sobre as referentes da infancia e achegáronse outras con perspectiva de xénero; púxose en valor o traballo desenvolto historicamente polas mulleres no rural, dende o global ao local; coñecéronse e reivindicáronse mulleres e os seus proxectos no territorio e recoñeceuse a súa realidade; e traballáronse valores transversais como a igualdade, creatividade e sustentabilidade.

Seguiuse unha metodoloxía na que foron facilitados espazos educativos dinámicos nos que ser capaces de xerar procesos reflexivos de aprendizaxe e experimentación, asegurando a accesibilidade a todo o alumnado, realizando a intervención dende o acompañamento e utilizando estratexias educativas centradas na persoa, diálogo e promovendo o traballo cooperativo.

Cunha previa diagnose, análise e estudo da cultura e realidade de cada centro educativo participante, do seu entorno comunitario, localización, historia e contexto, as sesións foron adaptadas a cada un deles da man dos seus intereses, propostas, liberdade creativa e recursos, guiando a liña da soberanía alimentaria de cara un traballo significativo.

Traballamos cos grupos de cuarto a sexto curso de Educación Primaria e nestas tres sesións: Primeiro, presentámonos e traballamos dende o “eu”, as nosas raíces, gustos e referentes; comezamos o traballo de reflexión e análise e exploramos novas referentes propostas con perspectiva de xénero, dende o global ata o local. Segundo, escollemos a unha muller rural da contorna a partir dos seus intereses, fixemos unha investigación profunda e reflexiva e preparamos unha entrevista. Por último, puxemos en práctica esas entrevistas elaboradas polo alumnado levando aos centros educativos ás referentes escollidas. En todas as sesións contamos cun espazo de avaliación conxunta entre alumnado, profesorado e a educadora social, para, se fora preciso, modificar ou adaptar a formación.

Como resultado, temos esas entrevistas de radio nas que coñeceron persoalmente ás novas referentes e profundizaron no valor do seu traballo, materializando os coñecementos adquiridos ao longo das sesións.

Entre os meses de maio a xuño instalamos ditas entrevistas en formato Código QR físicamente nos centros xunto con material informativo e de visibilidade traballado nas sesións acompañado pola Exposición Enraizadas 2024, para incrementar a visibilidade e acceso a toda a comunidade educativa.

Grazas aos centros educativos participantes (C.E.I.P. Plurilingüe de Andrade, C.E.I.P. Eladia Mariño, C.P.I. Plurilingüe Virxe da Cela, C.E.I.P. Mosteiro de Caaveiro) por ser parte de Enraizadas – Proxecto centros escolares 2023 – 2024, e, ás nosas referentes (Nanda, Leticia, Cristina, Manola) por seguir espallando os valores do ecofeminismo e soberanía alimentaria.

Achegamos os enlaces a través dos cales podedes acceder ás entrevistas:

C.E.I.P. Plurilingüe de Andrade e Nanda: https://youtu.be/PxqiUrcWaVw?si=0ztWO2K2MfSXweBh 

C.E.I.P. Eladia Mariño e Leticia: https://youtu.be/I4SFW3GRETc?si=E7OYVnj6xCdu5Iqn

C.P.I. Plurilingüe Virxe da Cela e Cristina: https://youtu.be/VCsymqt312g?si=po23HJEL7ilwQyAo

C.E.I.P. Mosteiro de Caaveiro e Manola: https://youtu.be/VW-wDJx3qNQ?si=UQWrVS4YJeuHmVH2