Educación Social na Escola

Este programa parte do análise de necesidades realizado nas mesas sectoriais de educación comarcais, na que participaron tanto persoal político como técnico dos cinco concellos da comarca ao longo do ano 2022. Co mesmo, buscamos promover un plan de traballo integral, en catro centros de ensino de referencia da nosa comarca. O  CEIP Plurilingüe de Andrade en Pontedeume, o CEIP Plurilingüe Eladia Mariño en Cabanas, o CEIP Plurilingüe Mosteiro de Caaveiro en A Capela e o CPI Plurilingüe Virxe da Cela en Monfero

Coa finalidade de contribuír á creación dunha nova cultura escolar que atenda aos fenómenos sociais presentes na nosa sociedade cambiante, e responda a novos escenarios de intervención escolar. Favorecendo que as nenas e os nenos cheguen a ser persoas activas, responsables, e respectuosas co mundo no que viven. E poidan transformalo, dacordo con principios éticos e sostibles.

Para o cal desenvolvemos distintos proxectos:

  • Hortos e Composteiros: a nosa proposta céntrase na posibilidade de impulsar a transformación dos residuos orgánicos xerados no centro en compós que, posteriormente, se utilizará como abono no horto escolar, para favorecer o bo funcionamento do ecosistema da horta. Dando a coñecer as técnicas propias da agricultura ecolóxica, sabendo escoller os cultivos e as rotacións que mellor se adapten ao tipo de solo e ao clima do noso entorno.

  • Proxecto Ríos: desenvolvemos este proxecto coa intención de coñecer mellor os ecosistemas acuáticos e promover comportamentos que redunden na súa conservación, así como, o achegamento e a vinculación da poboación co contorno fluvial.

  • Enraizadas: o sentido deste programa é a visibilización das mulleres no sector primario da comarca e difusión dos valores do ecofeminismo. Incidindo nun cambio de mentalidade no que os traballos reprodutivos, e as persoas que os sustentan, se convertan en referentes. Contribuíndo ao desenvolvemento rural, a soberanía alimentar e o consumo consciente. A través de tres sesións traballamos sobre as referentes da infancia,  as historias de vida de distintas mulleres rurais da nosa comarca, e finalizamos cunha entrevista de radio ás mesmas.

  • Coidando-nós: A través do desenvolvemento dos Consellos Escolares da Infancia, cunha metodoloxía de traballo vivencial, buscamos favorecer o exercicio dunha cidadanía crítica e comprometida. Desenvolvendo ferramentas que fomenten o diálogo e a convivencia positiva, cun rol activo ante os posibles problemas de convivencia, así como a transformación pacífica dos conflitos. Iniciamos ademais da man de Andrea Bechlian, especialista en disciplina positiva,  un programa integral de sensibilización a toda a comunidade educativa, formación do alumnado, e creación un equipo mediador axudante.