Ecofeminismo e Custodia do Territorio no Mosteiro de Monfero
O pasado venres, 23 de setembro, celebrouse a segunda cita do ciclo de “Conversas Enraizadas”. Nesta ocasión máis de 20 persoas participaron nesta mesa celebrada nun marco moi especial, o Mosteiro de Monfero, un lugar desde o que se desenvolveu boa parte da paisaxe do concello de Monfero e gran parte da comarca do Eume, amén de ter sido un dos puntos dende os que a igrexa mantivo o seu ferreo control sobre a sociedade e a economía do seu momento, sendo unha das causantes da subordinación das mulleres na vida pública.
Ana Cabana explicou o importante papel da muller ao longo da historia no referente á custodia do territorio, destacando especialmente o seu papel durante a dictadura franquista, no relativo coa defensa dos dereitos das veciñanzas sobre os montes comunais, un feito que tivo unha especial relevancia en Galicia. Cristina explicou, dende a súa perspectiva de traballadora do sector primario nun concello como Monfero, do traballo que veñen realizando as mulleres na conservación da nosa paisaxe, das variedades autóctonas, ademais de todas as restantes tarefas que tradicionalmente se derivan ás mans femininas. Este ciclo de conversas enmárcase no programa Enraizadas, da asociación Euroeume, un programa que difícilmente podería levarse a cabo sen o financiamento das axudas de Igualdade da Deputación da Coruña
A seguinte cita deste programa será o 7 de outubro, ás 18.00 horas, no CEIP Eladia Mariño, de Cabanas, onde Leticia Iglesias, labrega ecolóxica de Neda, e María Xosé Agra, profesora e investigadora da USC , abriran unha conversa centrada na temática dos Coidados e a Comunidade. Contamos con vos 😉