Día do medio ambiente. Inventario botánico no río Sesín

O vindeiro sábado, 3 de xuño, realizaremos unha actividade para celebrar o Día Mundial do Meioambiente, en colaboración con outras entidades da comarca: Museo Etnográfico da Capela, Asociación Betula, Asociación Casa do Mel, ANPA do CEIP Mosteiro de Caaveiro e ANPA o Castiñeiro de Cabanas.

A actividade comezará ás 16.00, comezando na zona dos muiños de Gunxel, onde pasaremos un par de horas identificando as especies botánicas presentes na Ruta Etnográfica do Río Sesín.  Para as familias con crianzas temos unhas libretas de campo para elaborar un herbario coas follas que atopemos. Despois voltaremos cara o Museo Etnográfico da Capela, onde a partires das 18.30 a Casa do mel realizará un obradoiro de bálsamos labiais a base de cera de abellas e nos que tamén contamos con utilizar algunhas das herbas silvestres que atopemos na primeira parte da actividade. Finalmente, para pechar esta actividade lúdica, faremos unha merenda a base de produtos locais aportados pola ANPA do CEIP Mosteiro de Caaveiro, a Casa do Mel e a Asociación Euroeume.

Para controlar as cantidades de comida a levar, e por motivos relacionados co seguro de responsabilidade civil contratado para a actividade, é necesario facer unha inscrición previa, que podedes facer a través do noso correo electrónico (euroeume@euroeume.org)

Esta actividade enmárcase no programa de voluntariado ambiental da asoiciación Euroeume e ten o financiamento da asignación tributaria do 0,7% do IRPF que convoca a Xunta de Galicia.