“Coñecendo os nosos ríos” en Monfero

A Asociación Euroeume, en colaboración coa Asociación Rural Contemporánea, organiza este sábado, 27 de maio, unha nova edición do proxecto “Coñecendo os nosos Ríos”, unha actividade orientada a familias, na que o voluntariado participante sae aos treitos de río para facer un estudo da calidade ecolóxica dos mesmos, ademáis de explicar ás familias participantes a importancia  dos ecosistemas fluviais e os seus diversos compoñentes.

A xornada comezará ás 10.30 horas, cunha pequeña andaina pola beira do Rego do Candedo, naque se comezará a actividade coa identificación de árbores e a valoración da calidade do bosque de ribeira e da fauna presente nas marxes do río. Posteriormente chegará o momento de meter os pes na auga para a toma de mostras necesaria e para a procura da fauna  que habita no río para a avaliación da calidade da auga.

Esta actividade é gratuita, pero por circunstancias da capacidade do espazo no que se vai realizar a actividade o número de prazas está limitado, así que as persoas interesadas en participar deben inscribirse a través do correo electrónico euroeume@euroeume.org ou chamando ao teléfono 699556438.

Esta mesma actividade realizarase, coa colaboración das persoas que forman parte do grupo de voluntariado ambiental de Euroeume, no río Sesín co alumnado do CEIP Mosteiro de Caaveiro (A Capela) e no Río Castro co CEIP Eladia Mariño (Cabanas). Estas actividades lévanse a cabo grazas ás axudas do 0,7% do IRPF da Xunta de Galicia concedidas á Asociación Euroeume para o desenvolvemento de actividades no ano 2023.

Proxecto Ríos

O Proxecto Ríos é un programa de educación e voluntariado ambiental, coordinado por ADEGA en colaborción coa Consellería de Medioambiente e diversas entidades locais de toda Galicia, que basea o seu labor en tres piares fundamentais:

  1. A importancia da educación ambiental para dar a coñecer os ecosistemas acuáticos e promover comportamentos que redunden na súa conservación.
  2. A constancia do traballo co voluntariado ambiental que se fai responsábel dun treito de río.
  3. O fomento da participación cidadá como ferramenta fundamental que permita camiñar cara a unha sociedade máis sensibilizada e capacitada para emprender accións de protección e mellora destes ecosistemas.

O Proxecto Ríos é esencialmente unha iniciativa de participación cidadá e de intervención socioambiental.