Compostaxe descentralizada e Inserción Sociolaboral

Euroeume colabora na organización e desenvolvemento do proxecto de cooperación Compostaxe descentralizada e Inserción Sociolaboral impulsado polos GDR Seitura22 e Terra Chá.

Dentro da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa de Seitura 22 para o período 2023-2027 definíronse varios obxectivos estratéxicos con varias liñas de traballo. Entre eles está o de mellorar a calidade de vida da poboación; fomentando a toma de conciencia en relación coas prácticas ambientais responsables, a reciclaxe, redución da pegada ecolóxica e impulsando a economía circular. Nesta liña impúlsase o desenvolvemento dun proxecto de cooperación Leader para estudar a posibilidade de impulsar programas de compostaxe descentralizado de cara a facilitar a inserción sociolaboral de persoas en situacións de vulnerabilidade.

 

A primeira xornada, de presentación do proxecto, celebrarase o vindeiro 17 de Setembro no Café Teatro, sito no Pazo da Cultura, en horario de 17h a 19h. Nesta xornada, destinada a persoas das Xuntas Directivas e dos equipos laborais das entidades do terceiro sector, explicaremos as distintas actuacións que contempla o proxecto e coñeceremos a experiencia realizada pola asociación APADIR, que xestiona as áreas de compostaxe comunitaria no concello de Rivas-Vaciamadrid, nun proxecto de inserción sociolaboral de persoas con discapacidade; Euroeume encargarase de explicar ás entidades asistentes as actividades do proxecto e as diferentes áreas da compostaxe descentralizada que se poden desenvolver nas entidades do terceiro sector. A xornada será emitida en directo desde a canle de youtube da Asociación Euroeume. As persoas interesadas poden seguir esta xornada a través do enlace: https://youtube.com/live/tLbDmCBw4bc?feature=share

 

A inclusión sociolaboral das persoas en situación de vulnerabilidade, especialmente do colectivos de persoas con discapacidade, é o obxectivo principal deste proxecto,  que pretende dar a coñecer diferentes experiencias realizadas neste ámbito a nivel local e nacional, e facilitar ás entidades participantes o inicio dun itinerario para a realización do seu propio proxecto no seu concello.

 

As distintas alternativas da compostaxe descentralizada – individual, comunitaria e  agrocompostaxe – teñen demostrado, en gran número de vilas galegas, que son unha oportunidade viable, para xestionar importantes cantidades destes residuos. Os beneficios son múltiples: económicos, polos traballos realizados; ambientais, polos aforros en transporte dos residuos, a redución de emisións de CO2 e de metano nos vertedoiros , pola captación de CO2 na terra e no propio proceso da compostaxe, pola produción dun abono de calidade que retorna a terra; e sociais, como estratexia de inclusión e visibilización dos colectivos mais desfavorecidos da nosa sociedade.

 

Estes procesos relacionados coa compostaxe poden supoñer unha oportunidade para as entidades do terceiro sector: dende a instalación destas áreas, ata a xestión e manexo das áreas de compostaxe comunitarias, dos residuos orgánicos procedentes de centros de hostalería, comedores comunitarios, etc., como se ten demostrado noutras áreas de España.