20N-DÍA UNIVERSAL DA INFANCIA

O pasado 19 de Novembro, participamos nun acto polo Día Universal da Infancia, organizado pola Plataforma da Organizacións da Infancia de Galicia (POIG) no Palacio de Congresos e Exposicións de A Coruña (Palexco), acudimos co alumnado do CEIP Plurilingüe de Andrade (Pontedeume), CEIP Plurilingüe Eladia Mariño (Cabanas) e CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero).

Centros escolares cos que traballamos día a día e, neste caso previamente traballamos os seus dereitos a través dun proceso participativo no cal se recolleron as súas opinións e propostas, que foron expresadas nesta xornada para que se teñan en conta nas políticas públicas. Co lema “Isto vai de dereitos” e co uso da participación infantil como dereito fundamental, cada un dos nosos centros escolleu un para a súa reivindicación: o CEIP de Andrade falou sobre o dereito á non discriminación por xénero, o CEIP Eladia Mariño sobre o dereito á protección fronte a violencia na contorna próxima e dixital e o CPI Virxe da Cela sobre o dereito á saúde mental.

Coas súas voces encheron este espazo que compartiron con máis de 400 escolares de entre 8 e 17 anos de toda Galiza, pertencentes a oito centros educativos galegos e á Asociación Amicos de Ribeira. A este acto tamén asistiron a conselleira de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, Fabiola García; o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica do concello de A Coruña, Juan Ignacio Borrego; e a presidenta da POIG, Mónica Viqueira.

As presentacións das diferentes exposicións foron levadas a cabo polo Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (CAIA) e tamén puidemos desfrutar da actuación do Coro Xove da Orquesta Sinfónica de Galicia.

Foi unha experiencia compartida na que a voz da infancia reclamou os seus dereitos, dereitos que den de Euroeume traballamos a través dos Consellos Escolares da Infancia a través do noso programa Coidando-nós, enmarcado dentro de Educación Social na Escola.

A importancia das súas voces, da súa participación activa, implicación nos procesos de cambio e mellora e de xerar espazos onde a infancia poida medrar libre, sexa consciente, escoitada e tida en conta é imprescindible para seguir construíndo un futuro mellor.