|
|
Rede Natura 2000 Xuvia - Castro |
|
||||||||
|
Este conxunto de río principal e afluente, están incorporados á Rede Natura 2000 dende o ano 2001. Foron declarados espazo protexido porque manteñen a súa vexetación ribeirá en bo estado de conservación, e na parte alta do río Castro, nas ladeiras da Serra do Forgoselo, localizase unha gran extensión de torgueiras ben conservadas. Os terreos do espazo protexido pertencen aos concellos de A Capela, Moeche, Narón, Neda, San Sadurniño, As Somozas e As Pontes, e conta cunha superficie de 2000 hectareas, sendo parte da rexión bioclimática atlántica. Entre os seus hábitats pódense atopar: Augas oligotróficas cun contido de minerais moi baixo, chairas areosas, lagos eutróficos naturais con vexetación, estanques temporais mediterráneos, uceiras húmidas atlánticas, uceiras secas europeas, turbeiras de cobertor, bosques aluviais, carballeiras galaico-portuguesas, soutos de castaños, ... A Serra do Forgoselo esténdense polos concellos de A Capela, San Sadurniño, As Pontes, e As Somozas. É un gran espazo aberto, de baixa montaña con amplas extensións de terreo no que se atopan unha gran diversidade de hábitats e unha importante variedade de paisaxes nas que podemos atopar pequenas fragas, praderías, "veigas". O afloramento do macizo granítico do Forgoselo é unha illa rodeada por xistos e lousas. O relevo suave unido a carencia de grandes cumios e moito tempo de erosión xunto co feito do nacemento nesta serra de ríos e regatos que desembocan nos tres ríos importantes da zona: Eume, Belelle e Xubia, contribuíu a dar forma a serra cunha orografía e topografía particular dentro da serra conservanse algunhas mámoas, que constitúen as pegadas da actividade humana dende a prehistoria. Cada ano, a comezos do mes de xullo celébrase a tradicional “Rapa das Bestas". Desde o pico de Racamonde, o mais alto da serra con 537 m, pódese disfrutar dunha vista impresionante, en días claros pódese contemplar gran parte da serra, a zona de As Pontes, o mar cara ao oeste, as rías de Ferrol e Ares, e unha gran pradeira adicada á cría e engorde dos terneiros criados no Forgoselo. Outro punto de interese é a Pena dos Tres Pes, unha curiosa rocha capricho da erosión. Dentro do espazo protexido, e nos arredores do mesmo, pódense realizar numerosas rutas de senderismo para disfrutar destas paraxes da Serra do Forgoselo.
|
|